A lexislación española
aplicada á
fotografía urbana
aplicada á
fotografía urbana
"Son coma un vaqueiro cunha bala e non cunha ametralladora na procura dese instante decisivo."
(Fan Ho)
Esta frase non representa aquelo que eu mesmo sinto porque entendo que non somos un perigo e tampouco imos nin con balas nin con pistolas e, moito menos con ametralladoras. Porén, paréceme ideal comezar deste xeito esta publicación porque pode ser así de ameazador coma nos poidan chegar a ver e interpretar cando os nosos lentes apunten cara un suxeito. Con todo, penso que Fan Ho non pretende ir nese sentido cando fai ese comentario, senón que refírese a fotografar de xeito pausado e controlado, algo no que eu si estou totalmente identificado e a miña cámara apenas sabe sequera o que é unha ráfaga a pesares de seres un modelo deseñado para a acción.
Indice:
A resposta a esta pregunta é relativamente sinxela: NON podemos fotografar a ningunha persoa sen o seu consentimento e moito menos cando esa persoa descoñece que é o que estamos a fotografar.
Dito isto, o mellor que podemos facer os fotógrafos urbanos é ficar na casa.
Non se pode fotografar ás persoas sen un consentimento.
Iso parece desde un primer intre, pero imos matizar certos puntos que aíndan que non vaian evitar certos incumprimentos da vixente lexislación, deberiamos telos en conta á hora de traballar con documentación gráfica.
A lei que regula o dereito á imaxe e ao honor é moi dura e co tempo endurécese cada vez máis.
En España seguimos a rexermos por unha lexislación redactada no ano 1982 na que non se recollen os usos de novas tecnoloxías. Naqueles tempos non había aínda ninguén a expoñer con cámaras de teléfonos móbiles, por exemplo.
Todo o que che vou a comentar nesta publicación fai referencia á lexislación que eu coñezo: á española. Teñamos sempre en conta que tanto no futuro coma no caso doutras zonas xeográficas, os artigos que mencione poderían variar considerabelmente.
Antes de seguir, convenche coma lector que revises a lexislación ante a posibilidade de terse producido algún cambio que podería contradicir ou completar certas opinións compartidas aquí por min. Recoméndoche que accedas ao que no BOE (Boletín Oficial do Estado, do Goberno de España) publícase ao respecto. Podes facelo directamente desde aquí onde ademais poderás atopar os textos orixinais e as súas actualizacións co paso do tempo no caso de recibilas. Nesta publicación atoparás capturas de pantalla dos textos máis recentes no intre da redacción ou revisión da publicación.
Resumindo bastante o que di a lexislación, coma che comentaba de entrada, basicamente non poderemos tirar ningunha fotografía na que saia unha persoa sen ter obtido antes un consentimento da mesma.
No artigo 7.5, que ven sendo o máis polémico de todos e é o que máis nos afecta aos fotógrafos e fotógrafas tanto profesionais coma afeccionados, dínos que o mero feito de tirar a foto xa infrinxe a lei, non importando para nada se nos atopamos nun espazo público ou privado.
"A captación, reprodución ou publicación por fotografía, filme ou calquera outro procedemento, da imaxe dunha persoa en lugares ou momentos da súa vida privada ou fóra deles, agás nos casos previstos no artigo oitavo, dous."
Ante o artigo anterior pouco podemos facer; porén, a partires do punto oitavo ofrécesenos algo de esperanza ao falarmos de certas excepcións en situacións moi particulares.
Debemos de ter moi claro que no caso de chegar a enfrontarmos a unha demanda legal, todo quedará finalmente a expensas da interpretación do xuíz que instrúa o noso caso en particular, non confiemos en sentenzas anteriores, que é ao que se acollen moitos influíntes da creación de contido xerando unha falsa seguridade de ter razón sempre e en todo caso.
Neste oitavo punto cítansenos algúns supostos onde si poderiamos fotografar e; entre eles, escenas de interese histórico, cultural ou científico, ante as que poderiamos non estar infrinxindo lei ningunha e, quero insistir na palabra "poderiamos" porque coma che dicía, a derradeira palabra vaina ter o xuíz que decidise sobre o noso futuro.
"Dous. En particular, o dereito á propia imaxe non impedirá:
a) A súa captación, reprodución ou publicación por calquera medio cando se trate de persoas que exerzan un cargo público ou unha profesión de notoriedade ou proxección pública e a imaxe fose captada durante un acto público ou en lugares abertos ao público.
b) O uso da caricatura de ditas persoas, dacordo co uso social.
c) A información gráfica sobre un suceso ou acaecimento público cando a imaxe dunha persoa determiñada apareza coma meramente accesoria.
As excepcións contempladas nos parágrafos a) e b) non serán de aplicación respecto das autoridades ou persoas que desempeñen funcións que pola súa natureza precisen do anonimato da persoa que as exerza.
É a este artigo ao que se acollen os fotoxornalistas para poder desempeñar a súa labor. Se nos centramos neste artigo poderemos xa fotografar incluíndo ás persoas sempre e cando sexan cargos ou personaxes públicas e cando o motivo fotografado sexa para informar ou documentar unha situación de interese xeral.
Poderemos ademais chegar a fotografar nun acto público a xente anónima sempre e cando non teñan un peso relevante na fotografía; é dicir, que non sexan os protagonistas. A isto é ao que se refire a lei no punto c) cando fala de persoas "meramente accesorias".
En resumo, o que o fotógrafo urbano debe facer é fotografía urbana e non de xente. No mesmo intre no que centremos a atención cara unha persoa, estarémola a converter no obxecto da fotografía e deixaría inmediatamente de ser accesoria.
Atopámonos ante unha complexa situación no caso de ter chegado á sala dun xulgado e o arbitrio pódenos levar a resultados tan sorprendentes coma inagardados.
Será moi difícil valorar cada caso desde un punto de vista obxectivo e xusto.
Sexamos razoábeis... se a meirande parte das persoas que tiran fotos non se preocupan pola súa formación... por que lla teríamos que esixir a un xuíz?
A persoa encargada de valorar a demanda debería de ter certos coñecementos para poder chegar a comprender mellor os motivos que levaron ao autor a tirar a fotografía demandada; sobre todo no que se refire a Arte e Composición.
Para poder facer unha correcta valoración sobre unha obra fotográfica, a autoridade designada debería de posuír coñecementos e cultura visual e fotográfica abondo; e, por suposto que habelos, hainos; non quero dicir con isto que ningún xuíz encargado destos temas careza de tales capacitacións. O que está claro é que non se trata dunha preparación esixíbel e na miña humilde opinión, iso é algo que habería que correxir. Debería existir unha especialización para este tipo de litixios ao igual que acontece co resto de xurisprudencias.
Moitos fotógrafos urbanos están convencidos de que ao non existir na lexislación ningún punto que indique que o consentimento expreso teña que outorgarse tamén por escrito, ca ollada a cámara por parte do suxeito poderíase entender que existe un consentimento implícito.
Isto non é exactamente así e debemos telo moi presente. Volvemos ao punto das interpretacións e; polo xeral, das perspectivas.
Esa lixeira interpretación vaina facer aquel que quixera amarrarse a un cravo ardendo e que obterá sen lugar a dúbidas unha boa derrota se o usa coma defensa nos xulgados, non se lle poderá dar a razón.
A ollada podería ser considerada un consentimento... mais en ningún caso tería carácter vitalicio.
Este punto comprenderémolo cunha sinxela explicación. Do mesmo xeito que acontece cos temas de cesións de dereitos de imaxe cas persoas que foron retratadas voluntariamente e, aínda existindo contratos de por medio, calquera consentimento sobre o uso da imaxe dunha persoa é inmediatamente revogábel.
Polo tanto, calquera persoa que che dera o seu consentimento poderá tamén retiralo en canto arrepinta e, ante iso, non hai nada que facer. Chegarás ao xulgado e diranche que non importa o consentimento que che tivera dado noutro momento porque resultará obvio que xa non gozas do mesmo. Por elo, e aínda que se trate doutra disciplina, aproveito para recomendarche o uso dos contratos cando fagamos retratos sen esquecer especificar mediante clausulas o que implicaría retirar os permisos de imaxe chegado o caso; incluíndo se fose preciso, algún tipo de compensación económica. Imaxina que unha modelo che retirase o permiso unha vez posta en marcha unha campaña. Se non existise ningunha clausula que contemplase ese suposto, teríanse que retirar as imaxes ca conseguinte perda económica que suporía, posibelmente inasumíbel.
Na miña opinión e penso que na da meirande parte dos fotógrafos e fotógrafas urbanas, pois deste xeito o aprendín delas e deles, debemos ser ante todo naturais, iso si! Sexamos sempre completamente conscientes de que incumprimos leis pero co convencemento de que esas leis nin están actualizadas nin van a xeito cos tempos actuais.
O fotógrafo urbano non é un delincuente, non está a facer nada malo... dicir o contrario será sempre caer en prexuízos.
Debemos metermos ben na cabeza que non estamos a facer dano a ningúen, pero para elo, temos primeiro que marcarmos uns límites éticos baseados nuns mínimos de responsabilidade e; sobre todo, tratar de sentir moita EMPATÍA... así, con maiúsculas!
Eu teño por costume non fotografar nunca en lugares onde frecuenten menores de idade. As miñas liñas vermellas impídenme sequera aparecer cunha cámara nun parque infantil ou nunha escola, evitando así bastantes problemas e malestar entre coidadores e familiares.
Protexer aos menores de idade é unha prioridade, non existe excusa que xustifique o contrario.
Se por algún motivo topase un día cunha escena que si ou si pensase que pagase a pena ser rexistrada nunha instantánea, pediría permiso aos tutores legais do menor que aparecese no cadro.
Con todo, produciría xa de por si un efecto de coñecemento previo e perdería a esencia da fotografía urbana para entrar no que eu considero xa fotografía de retrato. Pódese practicar retrato en exteriores, non só nun estudio.
Pero no caso de ter chegado a ese extremo, non esquezas que entón o consentimento por escrito deberá ser asinado por todos e cada un dos titores legais.
En ocasións, coma é no caso da fotografía que precede estas liñas, se vexo unha fotografía interesante e aparecese a faciana dun menor, agardo anos a publicala para evitar a súa posíbel identificación.
Non busco nunca, nin xamais procurei, imaxes que puideran deixar a ninguén en evidencia. A empatía cara os demais é absolutamente imprescindíbel para min nesta disciplina, e resalto o para min xa que son consciente que non o ten que ser para todos nin para todas, cada quen marca a súa liña ética e moral á hora de fotografar.
Cando tiro fotos na rúa estoume a retratar a min mesmo.
A máxima a seguir é ben sinxela e coñecida por todas e todos: Non lle quites fotos aos demais que non che tivese gustado que che tiraran a ti.
Por desgraza, esta filosofía miña e de moitas de nós non é tida en conta por algúns personaxes que desexan con moita ansia obter un maior número de gústame nas redes sociais e no menor tempo posíbel. Para elo non dubidan precisamente en buscar todo o contrario, situacións ridículas e comprometidas meténdose incluso en lugares onde as persoas son moito máis vulnerábeis e amósanse dun xeito ben distinto ao habitual; moitas veces de forma moi distendida pola confianza da contorna, coma pode ser en praias e piscinas, onde ademais preséntanse con menos roupa.
Este tipo de fotógrafos son os que provocan a mala sona e alertan á sociedade cun efecto de rexeitamento que fai que moitos transeúntes póñanse á defensiva en descubren a alguén fotografando na rúa.
Se te pillasen tirando unha foto volvemos ao mesmo de sempre: actúa con naturalidade.
O que nunca falla é o sorriso, non perdas a túa cara amábel ante ningunha situación ou palabras que te poidas atopar. Ten sempre en conta que a persoa puido sentir que invadiches a súa intimidade e as súas primeiras reaccións poderían ser máis bruscas do que ela mesma quixera.
Estivemos durante moito tempo convivindo cunha pandemia que obrigounos a levar máscaras e poderiamos chegar a pensar que o sorriso é máis difícil de amosar neste tipo de situacións. Pero con todo, as persoas temos unha extraordinaria facilidade para sentir, intuír e interpretar os máis mínimos xestos da faciana. Os ollos, por exemplo, falarán da túa actitude. O teu sorriso será capaz de traspasar incluso aquelo que non conseguiu un virus tan dañino coma o que nos tocou vivir.
Se cando tiras fotos na rúa, o fas dun xeito amábel e tranquilo, é probábel que ninguén se te achegue. Polo contrario, se perdes os nervos e actúas coma se tiveses feito algo malo, vante interrogar e o van facer ca mesma actitude e desconfianza que percibirán en ti mesmo.
Moléstame moito ver fotografías de xente desfavorecida sen ningún tipo de xustificación.
Se alguén se te achegase a preguntar polo que andas a facer, simplemente limítate a explicalo sen medo, non estás a facer nada malo. Comenta a túa visión da imaxe, da escena. Fala da túa INTENCIÓN. Amosa a túa foto incluso antes de que cha pidan e; se logo seguen a insistir en que a elimines, non o dubides porque están no seu xusto dereito. Borras o arquivo e punto! Sen complicarse en absoluto. Non paga a pena e á outra persoa vanlle dar a razón.
TRUQUIÑO: Entende que se quixeras levarte unha foto que che pediron borrar, non poderás usala publicamente, pero si no ámbito persoal. As cámaras cas que adoitamos saír a fotografar as rúas son en xeral discretas. Porén, eu prefiro as grandes e máis profesionais porque adoitan dispór de dobre ranura para tarxeta. Se configuras esa segunda coma copia de seguranza, aínda que diante do fotografado elimines a fotografía, quedaráche unha réplica na segunda tarxeta. No intre dunha discusión deste tipo, a non ser que a outra persoa sexa tamén fotógrafo ou fotógrafa (o cal é improbábel ou falariamos dalguén ao que o karma deberíalle dar un día unha boa lección), non se decatarán de que o borrado do arquivo non será definitivo.
Ningunha fotografía que vaias eliminar será irrepetíbel. Se non a tirache ti, outro fotógrafo o fixo xa no pasado ou fará no futuro. Partindo desta premisa, de verdade pensas que paga a pena rematar na sala dun xulgado por elo? Xa terás unha nova oportunidade de expoñer algo semellante!
Pode acontecer tamén que no intre de obturar ninguén che tivese dito nada ou non se che tivese esixido eliminar a foto.
Moitas fotografías urbanas, a meirande parte delas, chegan a publicarse en bitácoras e redes sociais sen consentimento das persoas que aparecen nelas, sendo en realidade algo moi normal e bastante habitual. O que non ven sendo de recibo é quitar unha foto e ir preguntar logo á persoa retratada. Iso unicamente serviría parar romper o ritmo e concentración da sesión e ademais chamaría tanto a atención que o resto de peóns teríanche localizado e ben fichado; tomaríanche xa por unha ameaza. Imaxina o que poderían pensar: quen será esa persoa que vai por aí cunha cámara de fotos e para colmo ten o rostro de interromper á xente con algún conto?
Normalmente a xente non se atopa a si mesma nas publicacións e o máis normal é que sexan outros quenes os avisen de telos visto nunha imaxe. Moitos sentiranse orgullosos e gustaralles aparecer no teu sitio (dependendo de coma sexa o contido que acostumes publicar, claro; así coma a tónica que amoses e que podería ser desde o máis serio até o máis satírico). Haberá tamén quen se moleste en contactarte e estou convencido de que sería algo moi fermoso agradecerllo mandándolles unha copia impresa da súa foto.
Todo aquel que se identifique nas miñas publicacións ten garantida unha copia da foto, así que se estás interesado, búscate porque encantarame saber que un día che puiden fotografar.
Pero a pesar de todo, tamén temos que estar preparados para o caso contrario no que a persoa identificada poida sentirse incómoda e incluso, e a pesar de non terche dito nunca nada nin pedirche a eliminación da imaxe, levarche ao xulgado por elo.
Eu prefiro borrar unha foto antes de pensar que alguén poida sentirse molesto ao identificarse nela. Trato de que a xente queira aparecer nas miñas imaxes porque iso é o que quedará de min ao final.
O normal sería que cho tivesen dito antes. Levar unha demanda deste tipo a un xulgado é demasiado custosa e ao igual ca ti non poderás coñecer con garantas o resultado, a outra parte tampouco. Precisamente, a túa mellor defensa será que a outra parte non che tivera feito chegar as súas impresións ou queixas. Entón, o máis probábel é que che obriguen a eliminar a imaxe e retirala dos sitios onde tivera sido publicada e xa. O máis normal é que todo quede niso, nunhas dilixencias previas.
Pero no caso de que alguén si se tivera posto en contacto contigo e che tivese comunicado o seu sentimento de molestia ante a imaxe, o máis razoábel será sempre eliminala de todos aqueles sitios onde tivese sido exposta. Unha vez feito iso é moi probábel que xa non teña que demandarte, en cuxo caso, falará no teu favor o feito de tela retirado inmediatamente pois existirá pola túa banda unha clara intención de colaboración e se o tiveras acompañado dun escrito ofrecendo as túas desculpas será verdadeiramente difícil que a cousa vaia a máis.
Pero chegados a este punto, tamén podería ser que o descoñecemento das partes puidera propiciar que aínda que o fotógrafo poña todo o seu bon facer e voluntariedade en resolver polas boas o conflito, as ansias que moitas persoas teñen en crer que lles van pagar compensacións millonarias, os poden levar a seguir adiante co proceso da demanda. Logo xa se darán cun canto nos dentes... a non ser que che toque un xuíz que decida o contrario, que aínda que non é probábel, non esquezas que sempre existe a posibilidade.
Agora ben; se sabes que o fotografado sinte indignación, cho comunicase e ségueche a dar absolutamente igual preferindo seguir adiante ca exposición pública da súa imaxe, deberías prepararte para o peor. As cantidades esixidas polos xulgados nestas demandas son realmente importantes e; no caso de ser por tozudez, teríalo ben merecido. Este tipo de actitudes por parte dalgún fotógrafo que remata desgraciadamente en sentenzas onde esixen compensacións económicas elevadas, son carnaza para a prensa e propicia precisamente que exista xente que insista en demandar... pero ollo! son casos moi excepcionais e moi distintos entre si.
Legalmente non podes fotografar persoas na rúa aínda que te atopes nun espazo público e aberto.
Polo contrario, non estas a facer dano a ninguén. Non fas nada malo. Isto resulta moi paradoxal se o confrontamos ca lexislación. Prohíbesenos algo que non dana a ninguén.
Trata de fotografar a rúa e, por conseguinte, xente na rúa tamén.
No intre no que te centres na persoa debes saber que deixas de fotografar a rúa para entrar no terreo do retrato e hai que falar entón dunha disciplina á que chaman retrato de rúa, mais a min no me deixa de ser outra cousa ca un retrato en exteriores.
De feito, o xénero que naceu coma ´street photography´ consistía precisamente niso, en facer retratos consentidos, pousados e na rúa; aínda algún deles quedan traballando con placas.
É por elo que a min cóstame moito usar os termos ´street´ ou ´de rúa´ preferindo dicir que fago fotografía ´URBANA´... o resto do debate é mera cuestión comercial para poder venderse baixo un determiñado cancelo.
Mais as leis están ben, deberían ser así, non son perfectas pero tampouco malas e están aí para axudar. Eu en ningún momento opinarei nin direi o contrario. Tampouco a finalidade desta publicación é axudar a infrinxir nin tentar evadir as consecuencias dos incumprimentos desta lei, simplemente que a coñezas e saibas por onde camiñas.
O único que a min me molesta de todo isto é a tremenda hipocrisía que se manifiesta en certos casos; coma por exemplo, cando levantas un teléfono móbil e podes tirar as fotos que che peta pero coma o que levesleves ao ollo sexa unha cámara fotográfica máis alá dunha pequena compacta non tarda moito en aparecer alguén para impedircho. Ven sendo habitual en certas datas; por exemplo, que en centros comerciais onde se prohibe expresamente fotografar mediante sinalización clara e concisa mediante pictografía e caligrafía; ver coma che convidan a facerte fotos co móbil e subilas a redes sociais con cancelos que si parecen serlles moi convintes á hora de facerlles publicidade. Unha publicidade que faslle ti de balde e así afórraslle a necesidade de contratar a un profesional da imaxe; porque si, aínda que non o pareza ás veces, existe xente que trata de vivir da fotografía!
Así que máis alá de todas as restricións e complicacións, non perdas as gañas de saíres fotografar na rúa pois é un medio sumamente interesante e importante para documentar a túa vida maila da túa época e, quen sabe? igual podería ser no futuro de moitísima utilidade que algúen atope o teu arquivo fotográfico. Por non dicir o agradecido que é. Ultimamente xa vexo moita imaxe creada mediante IA xenerativa facéndose pasar coma fotografía urbana... pero iso xa é outra historia... este espazo está libre de todo iso.
Fotografía cando e onde queiras. O tema está en como uses aquelo que fotografaches.